El blog de la zoocióloga que quería ser escritora

ETERNAMENTE EN OBRAS - Este blogue naceu da necesidade de sacar fora o meu mundo interior, como ferramente que me axudou a aprender a expresar e transmitir sentimentos en sensacións. Escribir foi o que fixo de min unha persoa que conseguiu evolucionar ata o punto no que me atopo hoxe.

Neste blogue atoparás textos en galego e en castelán porque dependendo do día no que esscriba e dos sentimentos do momento a lingua que se pronuncia pode ser calquera das dúas.

22 diciembre, 2017

Carta de Lucky ao mundo

Ola,

son Lucky, un can feliz orixinario de Ogrobe e que agora vive en Vigo. Non son de ningunha raza recoñecida coma tal, pero non me importa. Nacín nunha familia numerosa onde había máis cans e gatos, a miña nai foi recollida da rúa en estado de boa esperanza. Tiven irmáns antes do meu nacementeo pero cando foron autónomos foron colocados con outras familias. Tempo despois de aquelo, nun descoido dos seus donos, miña nai volveu quedar preñada e nunhas semanas nacín eu con varios irmáns. Non quero que me preguntedes que pasou con eles porque non o sei nin pretendo sabelo (sospeito que remataron como moitos outros cachorros antes ca eles á "vella usanza")... A idea de falarvos de min non é xulgar aos meus primeiros donos, o fundamental desta carta é falarvos do afortunado que son.

Seica Lucky en inglés significa "sorte" ou "afortunado" e parece axeitado o nome en vista do acontecido. Pero as miñas donas non so elexiron ese nome polo significado da palabra en inglés, en parte tamén é por un famoso jedi da Guerra das Galaxias, si Luke Skywalker, así que a "Forza" está da miña parte.

Era o 25 de marzo de 2016 cando nacín sen nome, nas primeiras semanas comezaron a chamarme Pepe, pero ese nome no me gustaba moito, e eu non facía moito caso. Facía o que fan todos os cachorros, estar con mamá, comer e enredar unha vez comecei a camiñar. Chovíanme mimos de todas partes, a miña nai, os outros cans que había na casa, incluso gatos!, mans humanas de todo tipo. As que agora son as miñas "donas" (non me gusta moito este termo porque dende hai poucos días deixei de ser unha cousa e os seres vivos, a diferenza dos obxectos non se poden "posuír") viñeron a coñecerme enseguida, e pronto recoñecín esas voces dicindo "OOOOOH" ao verme por primeira vez. Como primeira impresión direi que me pareceron simpáticas.

"Que por mayo era por mayo cuando hace la calor, cuando los trigos encañan y están los campos en flor" (Romance del prisionero)

Si, era maio, cando marche da casa natal para coñecer a miña nova casa. Antes de irnos a Vigo visitamos a casa de miña avoa e fumos á clínica veterinaria onde ademáis de pincharme me deron chuches (o pinchazo non molou nada, as chuches si). Coñecín a Peta, a Ray, a Patus e a Negri. De entrada eu non lles caín nada ben, houbo quen quixo despeitearme con unha zarpa. Co paso dos días e das visitas reiteradas a casa da avoa aos gatos pasóuselles esa mala impresión da primeira vez e toleran a miña presenza. Máis de un ano despois son eles a min os que non me caen ben de todo e ás veces intento perseguilos como vinganza daquela primeira vez, É TAN DIVERTIDO! Pero non nos adiantemos tanto no tempo...

Cando a peneas tiñas 4 meses as miñas "nais" humanas marcharon unha fin de semana se avisarme, estaban a preparar algo inesperado para min. Deixáronme ao coidado da avoa e de Peta un xoves 30 de xuño e voltaron o domingo 2 de xullo con un animal que parecía un can escuálido, lánguido e un pouco raro. Era negro e tiña algunha cana, tiña tamén unhas patas longas e fracas, que me chamaron a atención xunto con ese fuciño longo, orellas raras ás que lle faltaba un anaco... era un tipo fraco, moi fraco, tiña un claro problema de pel, viña medio despeluxado e incluso cheiraba raro. Tiña unha presenza sutil, como querendo pasar desapercibido, e nunca esquecerei aquela expresión no seus ollos. Resulta que aos tipos coma estes lle chaman "galgos" e non son moi afortunados no sur da península ibérica. Entereime despois dunha realidade abrumadora e aterradora, unha das razas máis maltratadas de todo o territorio! E este galgo fora vítima de algún desaprensivo cazador.
Non quero entrar a falar en detalle deste asunto porque se voltaría un texto longuísimo, pero quero que teñades en conta que meu novo compañeiro tiña un pasado pouco agraciado.

Koi, que así se chama o meu irmán, chegou case sen facer ruido e pouco a pouco soubo conquistar os corazóns de toda a familia. Chegou medicado ata as trancas, eu diría que medio "yonki" pola enfermidade que lle tiñan diagnosticada. Parece ser que na súa casa de acollida sufría ataques epilépticos e tivo que pasar moitas veces por ese sitio onde te pinchan cando te descoidas e despois che dan unha chuche como se non pasara nada. Estaba ainda en fase de recuperación e pouco a pouco e con prescripción veterinaria conseguimos que deixase de ser ese can "yonki". De tanto pasear foi recuperando a forma a medida que eu crecía, el se poñía mellor de ánimo e de confianza. En outono xa podía pasear por praia e monte sen correa e eu cansábame de chinchalo e picalo para correr. E vaia como como corre agora! Teño que recoñecer que por moito que entrene nunca lograrei ter esa velocidade... pero sabedes? Eu son tan insistente que teño unha resistencia case inagotable... Koi gaña en velocidade pero eu en resistencia e pesadez, porque recoñece que ás veces son moooooi pesado.

Dende que coñecín a meu irmán souben que seriamos como o Ying e o Yang, el complementaría a miña enerxía e eu a súa, así que a día de hoxe somos como un tándem ben engrasado ao que lle gusta saír a pasear en familia, ás veces so coas nosas mamis e outras veces con amigas. Gracias a Koi adoro a todos os galgos e galgas dos planeta, cando vexo a un conxénere me lanzo a morderlle o fuciño como sinal de amor e de gañas de xogar pero non lle caigo ben a todos (peco de exceso de confianza) de entrada pero ao final remato saíndome coa miña.

O 25 de marzo de 2018 farei dous anos e estou moi feliz de ser como son (ainda que me din que teño que cambiar a miña tolerancia polos cachorros pero... é que me caen tan mal!), de ter unha familia grande na que se inclúen nenos, nenas, cans, cadelas, gatos, gatas, avoas, tías, tíos... Incluso tiven unha medio irmá coa que convivín durante un mes, unha galguiña moi tola e imprudente á que tiven que deixarlle claro quen era o rei da casa (fóiseme das mans e case lle saco un ollo), o seu nome era e é Penny... Penny vive lonxe agora pero creo que é moi feliz, ás veces a miña nai fala das troulas que monta en Coímbra coa súa familia, Ana, Zé e Kabul... parece que últimamente a liou bastante gorda, pero siguen queréndoa tal e como é (QUE GUSTO DA ISO, contáronme que devolveron algún can por menos... menudo cague! Eu seguirei sendo o querubín da casa e porei cara de bo cada vez que me miren por si as moscas)... Menudas carreiras nos botamos cando Penny estivo con nós, ás veces ata a boto de menos... pero penso no ben que está e enseguida se me pasa... eu con Koi ata a fin do mundo, ademáis ás veces ve unha amiga a durmir a casa, Leda, a galguiña máis veloz que coñezo...

Quero aproveitar estas datas para recordarlle ao mundo que nós, os cans, non somos obxecto e polo tanto non deberiamos ser obxecto de agasallo. Precisamos casas e familias que nos queiran, que nos fagan partícipes do amor... ademáis non me gusta nada que moitos conxéneres estén por aí á venda, reitérome nesto de que non somos unha mercadoría, somos seres vivos con sentimentos en sensacións (diferentes ás humanas, por suposto)... Nós tamén sufrimos e nos poñemos tristes, alegrámonos e somos felices cando as nosas familias voltan á casa coma o turrón por Nadal. Pídovos por favor que sexades responsables e que se decidides facervos con un can, unha cadela, un gato, un coello, un porco vietmanita... ou calquera outro animal que vaiades considerar mascota... MEDITÁDEO BEN, somos un compromiso para TODA A VIDA.

Unha vez máis, non merquedes, adoptade... os amigos non se mercan! E tede en conta de que se pensades adoptar un galgo coma Koi gañaredes sen dúbida un amiguete, pero tédeo claro... perderedes un pedazo de sofá! (é o lema da miñas nais) E eu digo, NON SEXADES RACISTAS, da igual que sexamos mestizos ou "de pura raza" todos os cans temos dereito a ser ben tratados e a que nos queiran para TODA A NOSA VIDA.

Que gustazo me da poder falarvos por unha vez no bloque da miña nai Lupi, foi un desexo de Nadal que pedín, poder falarvos directamente, sen medias tintas. Espero que entendades que a miña imprudencia canina (son case un bebé) me levara a escribir así por encima un cachiño da miña vida.

Agora vou marchar, teño moitas cousas que facer: paseos pola praia, roer esquinas de coxíns, xogar coas miñas pelotas (de tenis!! malpensad@), correr detrás de meu irmán, da miña amiga Leda, dar bicos ás persoas que me saúdan efusivamente, ás que me saúdan sen ser efusivas, teño que pedir chuches, ladrar, correr... en resume, estou moi ocupado sendo un can feliz.

Tratarei de escribir algo máis adiante, quizáis cando sopre as velas do meu segundo cumpleanos pida o desexo de voltar escribirvos algunha mensaxe. Non esquezadas ser felices que segue a ser de balde...

PD: Permitídeme un último consello, se vedes algunha inxustiza contra un ser vivo, un can perdido, un gato abandonado, un despropósito contra calquera forma de vida... por favor, NON MIREDES A OUTRO LADO, hai centos de almas caninas e gatunas "invisibles" por cidades e pobos, tentade por da vosa parte e botarlles unha man, unha pata ou, en resumo, algo de axuda denunciando ou pedido o favor de outras persoas. Un mundo mellor é posible!


No hay comentarios: