Entro no bar de todos os días para comer, intercambio palabras amables cos camareiros que moi amablemente me sirven cada día. Séntome nunha das mesas soa escoitando a conversa que se está levando no fondo da barra. Na charla interveñen tres señoras de mediana idade (esto é o de menos), unha delas é dona (ou algo similar) do bar, outra debe ser amiga da primeira porque vai bastante por alí e leva un gorro e gafas de sol e a última, tamén clienta habitual, leva un can pequeno atado a unha correa.
A señora do can fala indignada:
- Estou farta da xente que exclama "que asco" cando ve un can. A miña cadeliña é a máis limpiña de todo Vigo.Non vexas a cantidade de servilletas que gasto para tela impoluta, e toalliñas húmidas de bebé! - Asco... - fai unha pausa para enfatizar o seguinte- asco me dan eles!
Eu escoito abraiada na mesa e miro ao camareiro, el devólveme a mirada que parece exclamar "esta tía está grillada", eu asinto coa cabeza. A conversa segue animada no fondo da barra, as amigas da señora do can asinten ao que di e esta prosigue o seu discurso:
- Pois o outro día ía paseando á cadela cando pasei por cerca da túa casa - sinala á señora do gorro e esta parece amosar máis interés - e resulta que saía un matrimonio do portal onde había unha merda de can grande - non sei se refería a que a merda era grande o se o can era grande e deixara un regaliño de un tamaño acorde naquel lugar- e a señora toda ofendida di - a señora ata puxo voz para tratar de imitar á aquela muller que estaba a piques de ofendela - "que asquerosos son os donos dos cans"...
Eu nese momento estaba esperando pola comida que pedira había uns minutos e de xeito inconsciente afirmei á frase que acababa de imitar a señora do bar.
- Para asco o que dan algunhas persoas, -continuou no seu monólogo particular sobre cans e cacas - a miña cadela é moi, pero que moi limpa, e cando caga na rúa recollo o pastel. Así que eu oféndome moito cando alguén di que os donos dos cans son uns porcos, porque non todos somos así. - A señora estivo un par de minutos falando das cacas do seu can, que si eran duras ou brandas o se o machaban cando as tiña que facer... non vou entrar en detalles porque foi unha situación algo desagradable. A señora do can continuou indignada:
- Ah! Tamén o outro día estaba un neno tirado polo chan, gateando e collendo cousas do chan e cando quixo tocar á miña cadela a nai rifoulle para que non tocara a un can que lle podía contaxiar algo. Despois de estar estomballado polo chan! Que asco de rapaz, se fora meu non lle deixaba andar tirado por aí!
- E que xa lle vale á señora esa, despois de ter ao fillo no chan que lle rife por querer tocar ao can... - dixo a señora do gorro á amiga do bar.
- Pois para chans asquerosos o de aí en fronte. Pasáches algunha vez por diante de Bosch? Todo cheo de escupitajos e cabichas... algunhas delas están prendidas. Un día ía eu a pasear o can da miña filla e de súpeto chiou porque pisara unha cabicha encendida... meu pobre! Tiña a patiña vermella da queimadura.... Por iso cando paso por alí coa cadela a collo no colo porque me da moito asco como teñen aquela acera... Os de Bosch - referíndose aos traballadores (e eu son unha traballadora desa empresa)- son uns porcos! Non teñen por que escupir na acera, e se tiran as cabichas polo menos podían pisalas! Que asco, que porcos son!
Nese momento un compañeiro de traballo agardaba a que o serviran na barra e mírame asustado como insinuando coa mirada que a señora que estaba berreando o porcos que eran os nosos compañeiros estaba tarada. Eu mireino e sonreín mentres escoitaba como a muller se encendía e botaba contra todos os traballadores de Bosch. Cando o compañeiro foi servido colleu o seu bocadillo e marchou coa mesma simpatía coa que entrara, eu quedei comendo no lugar escoitando como aquela señora empregaba o mesmo sistema de insultos e descalificacións que empregaran outras persoas para referirse aos donos dos cans.
Miña pobre, pensei... non é consciente de que cae naquel pecado que condea. O camareiro do bar, despois de que lle marcharan as amigas á dona daquel can (que teño que dicir que nin era can nin era nada), achegouse a min e díxome:
- Hai xente que confunde dicir o que pensa con faltar ao respeito. Fíxate ti se algún de Bosch lle chega a contestar.
- Luis, teño que confesarche que me faltou o pelo dun calvo para responder á sarta de tonterías que estaba botando pola boca.